Animated logo

O Festival de Jazz de Vigo, organizado polo Concello de Vigo, celebrarase desde o 29 de xuño ata o 4 de xullo. Esta edición estará dirixida por Yago Vázquez e Felipe Villar, que buscan amosar un espectro máis amplo das diferentes vertentes do jazz e ao mesmo tempo tenderá unha ponte cara ao mellor jazz norteamericano e especialmente cara á cidade de Nova York.

descargar dossier

O festival propón tamén artistas de jazz europeo de carácter máis experimental, como Soweto Kinch ou Comando Radar.

As mellores bandas nacionais e locais, cos traballos discográficos máis salientables, tamén estarán presentes nesta edición.

Como accións destacables, as jam sessions e as masterclasses, non podían faltar. Nas jam, o público poderá vivir desde moi preto eses anaquiños que van compartir os músicos de todos os niveis e procedencias. Unha oportunidade única, tanto para os creadores da arte como para o público, de vivir a maxia da música. As segundas, as masterclasses, serán impartidas por músicos americanos de amplísima experiencia e recoñecemento internacional, de máis difícil acceso fóra deste contexto.

Música na maleta

Música na Maleta é a proposta lúdico-educativa que achega nesta edición a música jazz ao público máis cativo. Este festival é un agradecemento tamén aos locais que apostan por ofrecer unha programación de jazz constante, porque grazas a eles esta demanda se ve cuberta durante todo o ano. Dentro do festival, estes espazos van funcionar como escenarios dalgunhas das actuacións.

Artistas internacionais

Unha selección dos nomes máis importantes da escena jazzística internacional actual desfilará estes días polos escenarios de Vigo.

Dentro do jazz europeo, este ano poderemos gozar dunha das bandas máis prestixiosas do continente. Soweto Kinch representa a modernidade do jazz europeo ao mesmo tempo que afunde as súas raíces no mellor jazz americano. É así como gañou por méritos propios un tremendo respecto en ambas as beiras do Atlántico.

E precisamente para estaren aquí cruzan o océano artistas que contan tamén co recoñecemento internacional, como Kenny Garrett e Kurt Rosenwinkel. Son músicos cuxa carreira profesional abrangue varias décadas de éxitos e que se converteron en influencias moi importantes das xeracións musicais que xurdiron posteriormente. A noite do domingo 1 de xullo estará dedicada ao jazz vocal e contaremos no Auditorio do Concello coa voz da norteamericana Charenée Wade.

As bandas de Glenn Zaleski e Drewes, Lee, Hirshfield Equality constitúen unha boa representación da escena actual neoiorquina. Estes músicos son algúns dos artistas que se poden atopar habitualmente tocando nos clubs mais prestixiosos da Gran Mazá. Poderemos velos no Auditorio do Concello o martes 3 e o mércores 4, respectivamente, e tamén coller unha das prazas das masterclasses que darán no Conservatorio Superior de Música en horario de mañá (12 h).

Artistas nacionais

No eido nacional, os escenarios deste Festival de Jazz de Vigo verán pasar incribles artistas que veñen presentando un proxecto novo. Tal é o caso dunha referencia do jazz en España como Jorge Rossy (mércores 4 de xullo). A súa autoridade musical é innegable: o xenial multiinstrumentista catalán converteuse nun dos nomes máis respectados do jazz moderno mundial. Ademais virá acompañado por nomes fundamentais da escena nacional, como Javier Vercher e Albert Sanz, e da internacional, como Joey Baron.

Artistas galegos e locais

A banda do pianista galego Manolo Gutiérrez (sábado 30 de xuño) e a do francés afincado hai anos en Galicia Wilfried Wilde estarán no escenario da rúa Londres. Nos últimos anos, o nivel do jazz galego está a encandear fóra das nosas fronteiras: en España, en Europa ou incluso nos eua. Moitos dos nosos músicos contan cunha formación excepcional nas mellores escolas e universidades europeas e americanas. É hora de que poidamos gozar da presenza da súa música na cidade: será durante as jam sessions. Músicos locais, habituais da escena galega, novos e consagrados, todos excepcionais, como Pablo Castaño, Fernando Sánchez, Naíma Acuña, Dani Font, David Puime, Paco Charlín, Javier «GDJazz» Pereiro…

Artistas de música experimental

Dentro da vertente máis ousada e experimental, o liderazgo en Galicia osténtao o colectivo de Improvisación Libre de Vigo. Tres das agrupacións máis representativas deste colectivo estarán presentes neste festival: 155, Comando Radar e Fonogenia, con cadansúas propostas.

Actividades formativas

Se na actualidade contamos na área de Vigo cada vez con máis e mellores músicos de jazz é debido, en grande medida, a que temos outros festivais ou escolas da contorna ofrecéndolles a estes músicos a oportunidade de formárense e compartiren experiencias cos mellores artistas internacionais. O Festival de Jazz de Vigo súmase a esta tendencia convidando a músicos e docentes dun nivel incontestable, como son o Glenn Zaleski Trio e a formación Drewes, Lee, Hirshfield Equality, a compartir e ensinar os segredos da súa arte.

Estas actividades están pensadas tanto para os músicos xa máis experimentados como para quen desexe dar os seus primeiros pasos nesta música tan especial. Por iso consideramos fundamental realizar esta actividade da man do Conservatorio Superior de Música de Vigo e invitando tamén as escolas de música, escolas privadas, bandas…

Por suposto, os máis pequenos non podían faltar nesta programación, como vén sendo habitual no festival. Por iso contamos tamén cun dos pedagogos especializados en educación musical para nenos máis prestixiosos da nosa comunidade, Tomás Rábanos, que impartirá dúas aulas para cativos e pais chamadas Música na Maleta.

Música na Maleta

Música na Maleta é unha proposta lúdico-educativa para achegar os nenos e nenas de entre 5 e 12 anos ao mundo sonoro mediante a creatividade, a investigación e a manipulación de materiais cotiáns aos que se lles dá unha utilización totalmente distinta ao seu uso habitual.

En que se converte unha chapa de zume? E unha lata de tomate? E… unha brida de xardín? Pois alá iremos na procura compartida de darlles unha volta aos obxectos e sacarlles a maxia para facermos música.

Da man dun dos pedagogos especializados en educación musical para nenos e nenas máis prestixiosos, Tomás Rábanos, Música na Maleta desenvolverase en dúas sesións independentes.

Música e baile na rúa

Un dos obxectivos do festival é que o jazz se faga presente no cotián e que poida mesturarse entre todos os públicos. Para iso, este ano Festival de Jazz de Vigo vai conxugar música e baile swing. Así lles chegou o convite de participación no festival ás dúas escolas de baile presentes na cidade que desenvolven este estilo: Mayeuswing e Swing On. Ambas as dúas estarán presentes nunha sesión vespertina na praza da Princesa, onde poderemos admirar as súas habilidades e incluso saír á pista invitados por eles mesmos, para achegármonos a eses pasos de baile e acabarmos seducidos irremediablemente ao son dunha das máis destacadas bandas galegas especializadas no estilo, The Alley Stompers.

ticketea.com

Modalidade de acceso aos concertos

www.ticketea.com / 902 044 226

Entradas

As entradas para os concertos de pago poderán adquirirse anticipadamente (sen gastos de xestión, xa que os asume o Concello, ao mesmo prezo que no despacho de billetes):

  • A través do sitio web de www.ticketea.com
  • No teléfono 902 044 226
  • En Discos Elepé (r/ Doutor Cadaval, 35). Horario: De 10 a 13:30 h e de 16:30 a 20 h de luns a sábado.
  • O mesmo día do espectáculo a partir dunha hora antes do comezo no despacho de billetes do Auditorio (sempre que houbese entradas dispoñibles).

Abonos Só en venda anticipada a partir do 19 de xuño; non poderán adquirirse no despacho de billetes do propio Auditorio:

  • Abono Festival de Jazz de Vigo: abono completo para os oito espectáculos que requiren pagamento cun 30 % de desconto sobre o prezo total.
  • Abono á carta 5: Elixe cinco concertos de pago combinados como queiras e goza dun 15 % de desconto sobre o prezo total.

Entrada libre ata completar aforo

  • Rúa Londres
  • Praza da Princesa
  • Café Vitruvia
  • Sala Magnética
  • Casa de Arriba
  • El Contrabajo

Inscrición nas masterclasses e en Música na Maleta:

A partir do 20 de xuño no Servizo de Atención Cidadá 010.

Información xeral:

  • Teléfonos desde Vigo: 010
  • Desde móbil ou fóra de Vigo: 986 810 260
  • Horario: De 8 a 20 horas de luns a venres De 10 a 14 horas os sábados