Ubuntu é o terceiro traballo discográfico do Alberto Vilas Quartet e, pola súa riqueza, calidade e madureza, alimenta no máis principal o repertorio que esta formación ofrece nos seus concertos neste ano 2016. Alberto Vilas, natural de Redondela, é un dos cultivadores máis interesantes do jazz en Galicia no momento presente. Como tal, está a contribuír decisivamente á vitalidade que o xénero mostra nos últimos tempos. De feito, fai parte, xunto con outros nomes ben coñecidos, da colleita máis recente e numerosa de artistas galegos nese xeito de expresión musical. Desde a a súa última visita a Imaxina Sons moitas cousas boas lle pasaron a Vilas que chega ao festival en 2016 moi ben acompañado: Rosolino Marinello, con toda a vibración melódica do jazz moderno alentando nos saxos alto e soprano; a harmonía en perspectiva, a lixeireza firme latexando no baixo de Juansi Santomé; o pulo rítmico e a variedade de timbres de Javier Barral na batería.


  • Alberto Vilas, piano
  • Rosolino Marinello, saxo
  • Juansy Santomé, contrabaixo
  • Javier Barral, batería
Alberto Vilas Cuarteto