Nacido en 1936 no estado brasileiro de Alagoas, o músico é xa unha lenda. Fascinado polos sons da natureza desde cativo, axiña comeza a manexar o bandoneón de oito baixos e o pandeiro en actuacións locais e familiares. Múdase en 1950 para Recife onde se centra na zanfona e onde descubre tamén o piano. Despois virá o traslado a Río e posteriormente a São Paulo, en 1961. Xa é un músico recoñecido no seu país cunha morea de actuacións tras de si, abríndose ante el novas posibilidades ofrecidas pola televisión e polo florecemento dos festivais. Viaxa aos EUA a finais dos sesenta, onde grava con Flora Purim e Airto Moreira e onde coñece a Miles Davis coa que gravou dúas composicións súas: Nem um talvez e Igrejinha. Da colaboración con Davis gardou algúns temas Hermeto Pascoal, que serían incluídos no seu primeiro disco solista para Cobblestone titulado Hermeto e logo reeditado co nome Brazilian adventure. En 1973 volve a Brasil onde edita A música livre de Hermeto Pascoal. En 1976 grava Missa dos Escravos en EUA, utilizando sons animais, e dous anos máis tarde participa no prestixioso Festival de Montreux. A experimentación motiva a Hermeto Pascoal que, en 1984 publica  Lagoa da Canoa, Município de Arapiraca , no que incorpora o que el denomina “son da aura”. Do músico tamén parte a idea do Calendário do Som lanzado en 1999, con composicións diarias feitas onde estivese e rexistradas entre xuño de 1996 e xuño de 1997. Este multiinstrumentista que abre Imaxina Sons 2016 asegura que ten máis de mil temas escritos sen gravar. As súas composicións foron interpretadas pola Orquestra Sinfónica de Brooklyn, a Filarmónica de Berlín, a Orquestra Sinfónica de São Paulo, etc. Hermeto Pascoal tocou cos máis grandes da música brasileira e internacional, como Elis Regina, Ron Carter ou Raúl de Souza.


  • Hermeto Pascoal, teclado, acordeón, chaleira, frauta baixa, o seu esquelete
  • Aline Morena, voz, guitarra de dez cordas, percusión corporal
  • Itiberê Zwarg, baixo eléctrico e percusión
  • Vinicius Dorin, saxofóns, frautas e percusión
  • Fábio Pascoal, percusión e dirección de escena
  • Ajurina Zwarg, batería e percusión
Web
Hermeto Pascoal e Grupo