Concerto

Manolo Gutiérrez Trío

Sábado, 30 de xuño. 22:30
Rúa Londres

Manolo Gutiérrez Trío

Pianista fundamentalmente autodidacta, aínda que ten participado de maneira habitual en seminarios e clases mestras e particulares de piano, harmonía e composición con profesores como Bill Dobbins, Dave Schnitter e Barry Harris, no ámbito jazzístico, e cos directores de orquestra Rafael Rodríguez Camacho e Joan Ensenyat, entre outros.

A súa carreira profesional abarca desde o rock, o folk, a world music, o blues, o jazz e as gravacións como músico de sesión ata a composición de música para teatro e documentais. Tocou en festivais de España, Portugal, Francia, Marrocos, Bulgaria, Suíza, Sudáfrica, Bolivia, Corea do Sur, México, Guatemala, O Salvador, Nicaragua, Honduras e a China. Na actualidade traballa fundamentalmente con Sumrrá, xunto a Xacobe Martínez e Lar Legido, e como profesor de piano e combo no Estudio Escola de Música.

Trío

Este proxecto é unha proposta fundamentalmente jazzística, aínda que aberta á interacción con outras estéticas. O son do grupo está baseado en composicións orixinais e na procura dun espazo sonoro común no que poidan convivir as propostas musicais dos seus compoñentes. A idea é partir da liberdade individual para conseguir un son conxunto; ou sexa, que cada un achegue as súas ideas e a súa personalidade, poñéndoas ao servizo da causa común, cunha visión extensa do feito musical libre de ataduras e clixés. Ten un disco editado: Illa da Lúa, con Tom Warburton no contrabaixo e Dani Domínguez na batería. Tras un descanso para atender outros proxectos, está de novo en marcha, esta vez con Iago Fernández na batería e cun novo disco gravado.

  • Manuel Gutierrez, piano
  • Tom Warburton, contrabaixo
  • Jordi Pallarés, batería