Marc Ducret considérase un músico ecléctico que sitúa moitas das súas músicas favoritas nos anos sesenta e na música popular. Entre as súas constantes referencias, a música dos Beatles pola súa capacidade de inventiva, pero tamén os vellos discos de Hendrix, Aretha Franklin, Al Green ou Joni Mitchell. A música que cumpre a súa función é boa música, di, non importa se é simple ou complexa. Fundamentalmente guitarrista eléctrico, Ducret ten indagado noutros instrumentos de corda como a guitarra acústica, o baixo ou o oud –o laúde da cultura árabe-. Nos seus primeiros anos como guitarrista profesional colaborou con grupos de folk, proxectos de danza e diversos cantantes. En 1986 entra a formar parte da Orquestra Nacional de Jazz de Francia coa que participa en máis de oitenta concertos e un ano máis tarde recibe o premio Django Reihardt seguido do galardón da revista Jazz Hot ao mellor guitarrista en 1988. É o momento de formar o seu propio trío e facer o debut discográfico, La Théorie du Pilier (Label Bleu, 1988).

Nos noventa comeza a colaborar co saxofonista Tim Berne nas formacións Big Satan e Science Fitction, co que ten gravado máis de dez discos e co que actúa regularmente nos Estados Unidos. En 1997 pon en marcha unha estrutura estable e vixente a día de hoxe que é o trío formado co baixo Bruno Chevillon, da xeración de Ducret e considerado un dos mellores músicos de jazz de Francia, e o baterista Eric Echampard, representante da nova xeración de jazz galo. Para Ducret, é o seu laboratorio de ideas e con eles editou L´Ombra di Verdi (Screwgun, 1999) e dous directos en 2004 e 2006 respeitivamente. En 2003 edita un dos seus proxectos máis ambiciosos Qui parle? ( Sketch Records) no que ademais de Chevillon e Echampard, contou con dez músicos máis, tres actores e unha cantante. O jazz é só unha parte dun proxecto no que a música vai mutando con formas que viaxan da música popular á clásica contemporánea con retallos de country e rock.


  • Marc Ducret, guitarra
  • Bruno Chevillon, contrabaixo, baixo
  • Eric Echampard, batería
Web
Marc Ducret Trío