As estruturas melódicas e os arranxos de corda para cuarteto convocan unha atmosfera diferente e moi suxestiva ao servizo da improvisación.
 Compositor, músico e produtor musical nacido na Coruña, Nani García inicia a súa formación musical en composición e jazz en Suecia entre os anos 1976 e 1980 ao tempo que cursa estudos de lingüística nas Universidades de Upsala e Estocolmo. Ao seu retorno a Galicia forma parte dos diversos grupos de jazz da época. Fundador do grupo Clunia a principios dos anos oitenta, a súa carreira comezou como pianista de jazz, actividade que mantén alternando coa súa faceta de compositor. Solista, produtor musical, adaptador e compositor, conta cunha longa experiencia nos diversos formatos do medio audiovisual (anuncios, teleseries, vídeo, exposicións). Autor de bandas sonoras para longametraxes de animación e ficción, obras de teatro, curtametraxes, programas de TV, conta con máis de 100 publicacións entre obras de jazz, producións audiovisuais, producións para outros artistas. En 2010 estrea un concerto para clarinete baixo e orquestra de vento e recibe o encargo de composición dunha obra para a OSG (Orquestra Sinfónica de Galicia). O seu selo persoal queda plasmado en obras do cine de animación como De Profundis, Engurras ou a recentemente multigalardoada curtametraxe de animación O Xigante o cal o sinala como un dos especialistas no xénero. Dirixe o Festival de Jazz de Vigo Imaxina Sons entre 2011 e 2015.


  • Nani García, piano
  • Miguel Cabana, batería
  • Simón García, contrabaixo
  • Eduardo Coma, violín
  • Lázaro Wilman González, violín
  • Raymond Arteaga, viola
  • Luís Enrique Caballero, violoncello
  • Xavier Ferreiro, técnico de son
Web
Nani García Trío