Bailando a ritmo de swing

The Alley Stompers, Swing On e Mayeuswing

Domingo, 1 de xullo. 18:30
Praza da Princesa

The Alley Stompers, Swing On e Mayeuswing

The Alley Stompers son dixieland, jazz, blues e swing. Swing On School trata de revitalizar os aspectos máis salientables da cultura swing dos anos 30. Mayeuswing trátase dunha escola dedicada a promover os bailes swing en Vigo.

The Alley Stompers

Os seus compoñentes, músicos profesionais de grao, todos eles moi activos e coñecidos no panorama jazzístico galego: o italiano Rosolino Marinello ao clarinete e os saxos, o francés Wilfried Wilde ao banjo, os galegos Antonio Otero, voz e saxo tenor, Óscar Prieto á tuba e Chus Pazos á batería. Son una formación vistosa, potente, organizada en torno aos instrumentos máis tradicionais do jazz, ao máis puro estilo das bandas tradicionais americanas. É un espectáculo que está pensado para gozalo bailando ou desde unha butaca (representación en teatros) e resulta ideal para todos os públicos. O ritmo, a calidade musical e o bo humor son a tarxeta de visita de The Alley Stompers.

Swing On

A Swing On School é un proxecto fundado por Elena Blanco e Jorge Patiño, que aprendera a bailar lindy hop no Porto da man da californiana Abeth Farag. En 2012, co come-come do lindy hop no corpo, instaláronse en Bueu, cidade natal de Jorge, e, como daquela non había ningún resquicio de lindy hop en toda Galicia, decidiu comezar a ensinar no Aturuxo Bar (segunda casa Jorge de preadolescencia temperá), onde aínda se dan clases.

Nese momento o proxecto, aínda moi pequeno, foi chamado Lindy Hop Bueu. Pero co tempo comezaron a xurdir oportunidades para ensinar en Cangas e Vigo, de xeito que en 2014 o nome do proxecto pasou a ser Swing On School e a dedicación dos fundadores e profesores, Elena e Jorge, aumenta considerablemente, estendéndose desde ese momento a súa formación a mestres de fóra de Galicia e solidificándose a súa infraestrutura para poder acoller cada vez máis alumnado, coa expansión do corpo docente e os espazos en que se deu clase.

O salto máis grande da Swing On School ten lugar en xuño de 2016, momento no que, con Laura Rosales, se creou o proxecto O Almacén Cultural, un espazo no que se combinan as clases e eventos swing con eventos culturais e de lecer e dedicado, como non, a varios aspectos relacionados coa música e a danza swing. Xuño 2016 é unha data especial para a Swing On School, non só por establecer unha sede estable en Vigo, senón tamén por incorporar ao equipo a Laura Rosales, amante da música e do baile, que destaca polo seu carácter activo, tanto para cuestións administrativas relacionadas coa escola como na produción de eventos de swing, dentro e fóra do Almacén Cultural.

Na actualidade, a filosofía da Swing On School é revitalizar os aspectos máis salientables da cultura swing dos anos 30: música, historia, confraternización…, apoiándose nas inquedanzas, xa máis actuais, do equipo humano que está detrás: igualdade, apoio a novos proxectos culturais, difusión dunha cultura que vai máis aló de «o swing».

Baixo estas premisas, a Swing On School no só imparte clases e obradoiros de bailes swing, senón que ademais organiza eventos destinados a promover e difundir a música, a historia e a comunidade swing.

Mayeuswing

En setembro de 2015, Sergi e Lucía puxeron en marcha un proxecto en común que xorde da paixón que senten polo swing. Este proxecto coñécese como Mayeuswing. Trátase dunha escola dedicada a promover os bailes swing en Vigo, na que transmiten o entusiasmo e o coñecemento que teñen destes, para axudar a que a escena do swing en Vigo e Galicia se consolide e siga crecendo.

Sergi e Lucía formáronse en lindy hop e outros bailes derivados do swing con grandes profesionais durante varios anos en Barcelona. En lindy hop tiveron a sorte de aprender con Sonia Ortega e Héctor Artal, o que lles deu unha sólida base na comprensión da conexión coa parella, desde a propia exploración do movemento ata o diálogo entre leader e follower, isto é, entre quen leva e quen é levado. 

Gracias a isto buscan que a espontaneidade e a improvisación propias da música swing estean presente en cada baile, sen trataren de mecanizar os movementos. Hoxe en día seguen ampliando os seus coñecementos en festivais internacionais e nacionais, con profesores de envergadura internacional como Skye Humphries, Frida Segerdahl, Felipe Braga, Alice Mei e Remy Kouakou, entre outros.

Ademais das clases nas que transmiten os seus coñecementos de lindy hop, claqué, swing solo e rock ’n’ roll, tamén organizan actividades para axudaren a promover a parte social destes bailes, desde jams na súa escola, Rúa Swing e Swing Vermús ata o Festival Internacional de Swing ViSwinGo, coas que axudan a dinamizar a cidade dando a coñecer este tipo de bailes tan divertidos e sociais.

Lucía Estévez Riveiro topou por azar co lindy hop no ano 2012 en Barcelona. Descubrilo supuxo un punto de inflexión na súa vida que a capturou con forza. Desde entón non deixou de nutrirse de todos os coñecementos que destacados docentes lle transmitiron nas súas clases en Barcelona, así como en festivais aos que segue acudindo con profesores internacionais. O que máis lle gusta dos bailes swing é continuar descubrindo novos recursos do movemento a través da improvisación.

Sergi Descayre Solanas leva inmerso no mundo do lindy hop desde 2010, aínda que o claqué estivo presente na súa vida desde o ano 2000. Ata 2015 impartiu clases de claqué en importantes escolas de Barcelona, como SwingCats. Na actualidade é un recoñecido profesional e docente que estivo en varias compañías de baile, como Clack & Roll e Celtic Chaos, esta última de claqué irlandés. Chegou a Galicia con moitas ganas de seguir compartindo a súa paixón e o seu coñecemento dos bailes swing.