O que nacía como un sistema de apoio no seu desenvolvemento musical tomou forma como proxecto plástico-musical coa construción dun círculo cromático de notas. A nota DO era vermella e fronte a ela, SI era dun verde prado. Primeiro foron temas de Charlie Parker pasados a cor; despois a escritura cromática de “Giant Steps” de John Coltrane e, como derivación lóxica, naceu a partitura xiratoria. Un cadro, si, pero susceptible de ser lido por un intérprete musical. Sen abandoar o concepto “partitura” pero afastándose do pentagrama tradicional, as obras de Pelayo Fernández foron incorporando novos símbolos e elementos xeométricos, en boa parte polo achegamento do artista á electroacústica. Seguía os pasos de compositores como Karlheinz Stockhausen ou Mauricio Kagel no uso de partituras gráficas. As partituras gráficas de Pelayo Fernández non son só visualizacións das súas composicións. A través delas achegouse á obra de músicos nos que tiña un interese especial: Claude Debussy, Olivier Messiaen, Giacinto Scelsi ou Jimmy Lyons. Nos instrumentos gráficos ideados polo artista non falta a representación de diferentes parámetros musicais: altura, volume, silencio, ruído, dinámica, duración, ritmo. Tamén improvisa Pelayo Fernández con liñas e cores que logo interpreta. Así acontece na peza “Transbordo espacial”, na que os intérpretes poden escoller diferentes camiños para a improvisación nunha rede de metro que combina liñas e transbordos. Pelayo Fernández Arrizabalaga (Laredo, 1949) estudou Belas Artes en Madrid e durante os anos setenta foi saxofonista e clarinetista en formacións de jazz como Orgón e José Antonio Galicia Flamenco Jazz. Nos anos oitenta fundou Clónicos con Markus Breus, levando aos escenarios xoguetes,  taladros, serras mecánicas, radios, tocadiscos, casetes, gongs, percusións, instrumentos convencionais e non convencionais “e cables, moitos cables”. Desde 1993 vive en Suíza, onde continúa a desenvolver proxectos de música improvisada e electrónica.


Transbordo espacial. Partituras gráficas